FONDO

miércoles, 18 de abril de 2012

¿COMO PODE SER A ESCOLA DO MAÑÁ?


       
    O pasado mes de febreiro tivo lugar no Auditorio do Parque das Ciencias de Granada, unha conferencia do psicopedagogo Francesco Tonucci, referente mundial na atención educativa á primeira infancia,  co suxerinte título: ¿Cómo puede ser la escuela para el mañana?”
     Na súa intervención fai un percorrido pola escola que foi e a súa evolución ao longo deste últimos anos, centrando o discurso na importancia de facer da escola do mañá unha escola para todas e todos non unha escola para uns poucos como acontecía noutros tempos.
     Pero na súa análise detecta que a escola actual non é inclusiva nin é para todas e todos,  porque  segue primando e valorando unhas determinadas capacidades en detrimento doutras, desaproveitándose as verdadeiras potencialidades e posibilidades que cada nena e neno ten e que son fundamentais para sentirse realmente aceptado, valorado e motivado.
     Un dos camiños a seguir na procura  dunha escola para todas e todos é a potenciación da mesma  como referente cultural rico e estimulante . Neste sentido é fundamental  coidar moito o deseño dos diferentes espazos e ambientes da escola,  ambientes que sexan amables , pracenteiros e verdadeiramente  significativos, unha escola  que ofreza a posibilidade de tomar contacto coa música de calidade, cos libros , a literatura , as artes … en definitiva  unha escola rica en estímulos.
     Outro aspecto fundamental que a escola actual  e a escola do mañá ten que ter presente é a apertura de cara ás pequenas e pequenos, ten que ser unha escola , onde as e os profesionais tomen conciencia de que o primeiro momento educativo é a escoita.
     Que a escola recoñeza a unha crianza capaz, para iso é preciso ofrecer un abano amplo de linguaxes, e confiar na excelencia de cada quen, todas e todos temos a posibilidade de ser bos en algo, é un desafío para a escola, nais, pais e profesionais permitir que nenas e nenos desenvolvan ao máximo as súas potencialidades.
     A proposta que Francesco Tonucci fai de cara a realmente construír unha escola inclusiva e de calidade para todos é a partir da mellora na formación dos distintos profesionais , esta é unha chave fundamental para que haxa realmente un cambio , por moito que muden as leis educativas, se as e os profesionais non están formados para atender e formar na diversidade , non se conseguirá realmente unha boa escola.
     Isto é un pequeno resumo desta interesante conferencia que vos convidamos a ver e escoitar atentamente para que poidades sacar as vosas propias conclusións, e desexamos que entre todas e todos nós sexamos quen de construír esta escola do mañá.


jueves, 12 de abril de 2012

...HABÍA UNHA VEZ UN CONTO !!!


O 2 de abril, celébrase o día Internacional do Libro Infantil, unha data proposta do IBBY desde 1967, que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen. Cada ano encoméndaselle a un autor a escrita dunha mensaxe que se traduce a 40 idiomas; nesta ocasión, a que vimos de ler, a cargo do mexicano Francisco Hinojosa, coa ilustración de Gedovius.
                                              
Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro…
 Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos sedutores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos enxeñosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces

“Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro”…
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferenzas, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas.

Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.

E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices.

Agasallo  que atopamos no blog amigo: http://innovarteinfantil.wordpress.com/